Pontevedra inicia os traballos para implantar un transporte a demanda

O achegamento de posturas cos técnicos da Xunta de Galicia, permite concretar a posibilidade de que se faga este tipo de transporte.

Agarda a que a Xunta faga público as liñas que atravesarán Pontevedra, para artellar un transporte de autobuses urbano da man do Goberno autonómico.

O Concello de Pontevedra amosouse este mediodía “agradablemente sorprendido” pola reunión “construtiva e rigorosa” que mantiveron esta mañá os técnicos municipais (o responsábel da xestión dos fondos europeos EDUSI e o xefe da asesoría xurídica) no encontro técnico que mantiveron coa Xunta de Galicia sobre o transporte público no concello de Pontevedra. O concelleiro responsábel de Mobilidade, Demetrio Gómez asegurou, logo da reunión, que cos acordos acadados, “Pontevedra vai a ter un transporte a demanda punteiro”.

Na reunión abordáronse, fundamentalmente, dous asuntos: o transporte a demanda e o transporte regular colectivo por estrada (de autobuses).

Ao respecto do primeiro, os técnicos municipais expuxeron a proposta do Concello de transporte a demanda, “un modelo que pode dar resultado na poboación dispersa”, explicou o concelleiro. O Concello acordou iniciar o proceso para elaborar un proxecto de explotación deste tipo de transporte en Pontevedra, que terá que remitir á Xunta de Galicia “para ir véndoo paso a paso”, e cando todos os interrogantes estean pechados, envialo definitivamente á Xunta para a súa aprobación, xa que é competencia autonómica.

Demetrio Gómez explicou que nestes momentos o Concello está á espera de que a Xunta de Galicia saque a exposición as liñas de transporte que ten previsto para cruzar o Concello de Pontevedra. Unha vez que se coñeza ese plan de explotación, o Concello fará as súas achegas xa que o obxectivo é aproveitar as liñas de transporte dentro do Concello, evitando a duplicidade de operadores.

Comparte!!!

Relacionados