A Deputación aproba máis de medio millón de euros de axudas para crear novos parques forestais en 18 concellos da provincia – Pontevedra

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar en Xunta de Goberno o reparto de máis de 519.900 euros en axudas a concellos para crear novos parques forestais na provincia de Pontevedra. Segundo explicou o vicepresidente César Mosquera beneficiaranse 18 concellos que poderán tanto redactar proxectos como executar actuacións zonas de monte diferentes.

O vicepresidente destacou que a aprobación destas subvencións é unha mostra máis do compromiso da Deputación de Pontevedra coa mellora do monte na provincia, cuxa situación preocupa ao responsable nacionalista, que insiste en cualificar o seu estado como “o primeiro problema ambiental da Galiza”. Mosquera lembrou que estas axudas son unha parte do traballo provincial na liña de buscar solucións á problemática actual, e lembrou que nestes momentos unha equipa de expertos coordinada pola Universidade de Vigo está a realizar un traballo de análise sobre os incendios forestais para intentar buscar solucións e paliar as súas consecuencias de cara ao medio e longo prazo. De feito, dixo, existe xa unha cartografía e unha tipoloxía de comportamento dos lumes en función do terreo, das especies forestais e do seus usos.

Na Xunta de Goberno de hoxe o que se aprobou foi destinar 71.783,11 euros á redacción de novos proxectos (Liña 1) para 14 parques forestais nos montes da provincia. En concreto, concedéronse axudas ao concello de Forcarei, para o parque forestal de Berrozo; ao concello de Marín, para o parque de Lagocheiras; ao de Arbo, para o parque de San Xoán; ao concello de Nigrán, para o parque de Os Matos-Río Táboas; ao municipio de Catoira, para o parque forestal homónimo; ao concello de Barro, para o parque de Monte dos Casás; ao de Covelo para o parque de Val de Tielas; ao de Moaña, para o parque de Monte Paralaia; ao concello de Ponteareas para o parque de Guillade; ao concello de A Lama para o parque da comunidade de montes de Antas; ao concello de Ponte Caldelas para o parque homónimo; ao Concello de Bueu para o parque de Cabo Udra; ao concello de Poio para o parque de Monte Castrove; e ao Concello de Vilaboa para o parque de Monte das Barreiras. As cantidades subvencionadas van entre os 2.520 euros do concello de A Lama e os 8.400 euros do Concello de Poio para o deseño de mellora do Monte Castrove.

Por outra banda, na Liña 2, de execución de actuacións xa redactadas en proxectos anteriores, beneficiaranse 10 concellos e 13 proxectos, algúns deles subvencionados na Liña 1 da primeira convocatoria de axudas provinciais (2017). Foron subvencionados o municipio de Arbo, para o parque de Bouza de Miguel (con 38.271 euros de subvención); o de Cangas, para o parque de Varalonga (41.958 euros); o de Forcarei, para o parque de Berrozo (31.388 euros entre a Liña 1 e 2); para o concello de A Guarda, con 43.159,02 euros) para os parques de Camposancos e Santa Tegra; o de Illa de Arousa, con 52.200 euros; o de Marín, para San Xulián, con 24.975 euros; o de Moaña, para o Monte da Paralia, con 37.682 para a Liña 1 e a Liña 2; o concello de Mondariz, con 58.203 euros para a execución de melloras nos parques de Xabriña-Regreiro de Brete e Gargamala; o concello de Ponteareas, con 90.368 euros para os parques de Seixiforna Viveiro e Picaraña; e, finalmente, o concello de Vilaboa, para o parque de Monte das Barreiras con 45.167,56 euros entre a Liña 1 e 2.

Mosquera lembrou que no anterior plan foran dez concellos os beneficiados polas axudas, coa presentación de 16 peticións para redacción de proxectos e sete para a creación práctica dos parques. As bases desta nova liña de axudas de 2018 teñen, segundo destacou, pequenas modificacións con respecto ás anteriores, xa que se reduciron os trámites burocráticos para as cesións dos terreos por parte das comunidades de montes aos concellos, e minguou ata 30 hectáreas a extensión mínima na que crear os parques forestais.

Fonte: Diputación de Pontevedra

Comparte!!!

Relacionados