Patricia Ordóñez recibiu esta mañá, da man do concelleiro de Medio Ambiente, José Araújo, o premio do concurso Engalana a túa árbore: visualicemos os espazos verdes!, organizado co gallo da Semana do Medio Ambiente polo Concello de Ourense e executado pola entidade de Desenvolvemento Sostible Sustinea. O obxectivo do concurso era o de visualizar a necesidade dos espazos verdes no ámbito urbano, de conservalos e de dotalos da importancia que teñen polos seus beneficios ambientais, sociais e económicos.
Así, o pasado 4 de xuño diferentes participantes, entre o que se atopaban centros educativos, adornaron as árbores e os alcorques do primeiro tramo da rúa do Paseo (15 en total). Os criterios valorados foron a creatividade e a decoración sostible; o emprego de elementos naturais ou que se atopen na natureza, así como a mensaxe que contribúa á sensibilización da cidadanía.
Unha vez valoradas todas as árbores participantes, os membros do xurado deciden que a gañadora sexa Patricia Ordóñez Rey coa árbore ELAS, coa que quixo expresar “a forza e soños das mulleres, ancestrais e actuais, como elas poden coidar o planeta, transmitindo todo o amor que senten por el e todo o bo facer para que evolucione libre e feliz”.
A gañadora podía escoller o seu premio entre unha cesta de produtos locais e ecolóxicos; un roteiro guiado e interpretado polo río Miño ou ben unha actividade educativa e lúdica nun centro escolar.
Finalmente, a gañadora escolleu a realización dunha actividade educativa e lúdica nun centro escolar.