A Pé de Rúa: ‘Rizando o Rizo’ participarán 14 perruquerías, barberías e tendas de tocados. Pontevedra

Demostracións (peiteados, maquillaxes, depilación con fíos…), nomes propios, mesmo un desfile e servizos en directo, ademais de actividades para nenos e nenas. Son os vimbios da próxima cita de Rizando o Rizo, que terá lugar o vindeiro sábado 11 de maio, a partir das 16.30 horas no eixo praza de Ourense/A Ferrería.

Rizando o Rizo é a cita sectorial do programa A Pé de Rúa que impulsa a Concellería de Promoción Económica e da Cidade para pór en valor e visibilizar o comercio local. Ven da man da concellería e da Asociación provincial de Perruquería “Máis que cabelos”.

Até 14 salóns de peiteado, estética, barberías e unha tenda de tocados estarán nesta ocasión en Rizando o Rizo, que chega renovado, segundo avanzaron a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías e a nova presidenta de “Máis que cabelos”, Beatriz Pintos.

Gulías sinalou a súa confianza nun sector “que é unha parte importante do tecido económico da cidade”. Perruquerías, barberías e salóns de estética “son unha fonte de riqueza, emprego e dinamismo económico” engadiu a concelleira que avoga por citas como Rizando o Rizo para visibilizar o seu traballo. Trátase, lembrou, dun sector que leva anos demandando a baixada do IVE para darlle osixeno e poder medrar, unha demanda “coa que concordamos” lembrou Anabel Gulías.

Pola súa banda, Beatriz Pintos puxo a énfase na visibilidade que da ao sector eventos como o do vindeiro 11 de maio.

Comparte!!!

Relacionados