Exposición “Entroido é todo” de Aurora López. Verín

Foto: Concello de Verín

Até o día 8 de marzo, a Sala de Exposicións de Verín acolle a mostra “Entroido é todo” de Aurora López. Vintesete obras, asinadas co seu nome de pía ou co de Tirabeke (que utiliza como deseñadora), compoñen esta exposición monográfica sobre o tema Entroido que está aberta de luns a venres das 16:30 ás 20 h.

A mostra ofrécenos unha viaxe rápida e sucinta polos distintos aspectos nos que a pintora e deseñadora de Albarellos de Monterrei aplica a súa creatividade sobre a festa máis representativa da nosa comarca. Preto de dúas decenas de cadros alternan os espazos da sala con diversas caretas, un par de panoletas ou unha gravata de cigarrón ou peliqueiro pintadas pola artista e diversas prendas estampadas, pensadas para a xente que se quere integrar na festa con roupa máis cotiá.

Coa riqueza colorista e a estética que a caracteriza, e con cigarróns e peliqueiros como motivo predominante, pinturas sobre papel e lenzo ou impresións con técnicas dixitais móstrannos a diversidade técnica e a uniformidade estilística coa que Aurora López interpreta desde as artes decorativas e o deseño funcional a festa maior das terras de Monterrei.

Comparte!!!

Relacionados