Mércores de filmoteca. Programación marzo-abril, CICLO KENJI MIZOGUCHI. Cineclube Pontevedra

MÉRCORES 13 DE MARZO | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

CONTOS DA LÚA PÁLIDA

Kenji Mizoguchi, 1953, 97 min., VOSE

Xapón, século XVI. Genjuro é un oleiro que confía en facer cartos e mellorar a súa posición grazas á súa mestría coa arxila. Tobei, pola súa banda, soña con converterse nun gran samurai. As súas respectivas esposas, Miyagi e Ohama, tratan de frear a súa ambición mais, cando o poboado en que viven é afectado por unha guerra civil, Genjuro e Tobei emigran á cidade á procura de riqueza e sona, abandonando as súas mulleres. Alí, unha misteriosa princesa, vítima tamén da guerra, cruzarase no camiño de Genjuro.

Baseada nos relatos de Ueda Akinari e Guy de Maupassant, esta fábula fantástica sobre o desexo de riqueza e poder condensa a mestría da arte de Mizoguchi: a fidelidade e bondade feminina fronte á fachenda, avaricia e luxuria masculinas; a sutilidade na planificación e os movementos de cámara; a veracidade e fidelidade histórica do vestiario e decorados, ou a dimensión universal dos sentimentos humanos.

Contos da lúa pálida non é só unha das obras mestras absolutas do realizador, senón tamén un dos filmes máis belos da historia do cinema. Gañadora do León de Prata no Festival de Venecia, o filme fascinou a crítica europea.


MÉRCORES 27 DE MARZO | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

OS AMANTES CRUCIFICADOS

Kenji Mizoguchi, 1954, 102 min., VOSE

Xapón, século XVII. Ishun florece nos negocios, mais segue sendo avarento e cruel, e a miúdo trata mal a súa esposa Osan. Certo día, o irmán de Osan pídelle cartos prestados, e esta, antes que recorrer ao seu marido, pídelle axuda a Mohei, o empregado máis hábil de Ishun. A pesar de non ter cartos, Mohei non consegue recusar o pedido, o que terá consecuencias nefastas cando outro traballador avisa a Ishun. Mohei é detido, mas consegue fuxir antes de ser castigado. Osan, chea de amargura, resolve saír de casa. É entón cando Mohei e Osan se encontran na rúa e inician unha tráxica fuga.

Os amantes crucificados adapta unha obra de teatro (kabuki) do século XVII, de  Chikamatsu Monzaemon. O filme valeulle a Mizoguchi unha nominación á Palma de Ouro no Festival de Cannes de 1955.


MARTES 3 DE ABRIL  | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

O INTENDENTE SANSHO

Kenji Mizoguchi, 1954, 124 min., VOSE

No século XII, a esposa dun gobernador e os seus fillos son afastados deste. Mentres a muller é deportada a unha illa para exercer a prostitución, os fillos son enviados a un campo de escravos onde o temible intendente Sansho goberna con man firme.

O intendente Sansho gañou o León de Prata no Festival de Venecia de 1954.


MARTES 10 DE ABRIL  | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

A RÚA DA VERGONZA

Kenji Mizoguchi, 1956, 85 min., VOSE

O País dos Soños, un bordel situado nun barrio de Tokio, atravesa unha difícil situación xa que o Parlamento está a piques de aprobar unha lei que que prohibirá o exercicio da prostitución. Baixo a mirada das traballadoras deste bordel saberemos das súas vidas, soños e circunstancias que as levaron a comerciar co seu corpo. A rúa da vergoña é o último filme rodado por Kenji Mizoguchi.

Comparte!!!

Relacionados