O Concello de Pontevedra mantivo esta mañá unha reunión cunha ducia de veciños afectados polo trazado da circunvalación da cidade (A-57) ao seu paso entre A Ermida (Marcón) e Pilarteiros (Xeve). Foron os concelleiros Demetrio Gómez, coordinador do Rural e Alberto Oubiña, responsable de parte das parroquias afectadas, os que mantiveron este encontro por máis dunha hora, nas dependencias municipais.
O Concello ofreceulles toda a colaboración tanto administrativa como técnica, na presentación das alegacións que realizarán ante o Ministerio de Fomento.
No encontro, ambos concelleiros recordaron que Pontevedra leva máis de 20 anos reclamando a circunvalación á cidade, e é decisión do Concello levala para adiante coa menor afectación posíbel.
O mesmo alcalde lembrou esta mañá que “me parece o día da marmota porque sempre estamos falando do mesmo”. Lembrou que a administración central deixou caducar o proxecto de impacto ambiental que data do ano 2007 e que xa tiña informado o Concello. “O único que estamos a facer é darlle voltas ao mesmo para non facer nada”, aclaraba Lores, quen recordou que o Concello nin define o trazado nin ten competencia para facelo.
Ao remate da súa comparecencia puido falar cos veciños que agardaban a reunión cos concelleiros e trasladoulles o posicionamento do goberno.