O alcalde Miguel Fernández Lores e a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías mantiveron onte unha xuntanza de traballo coa Asociación de Hoteleiros de Pontevedra co fin de cambiar pareceres sobre a situación do sector na cidade, obxectivos a acadar e liñas de colaboración. Na reunión, desenvolvida nun clima distendido e participativo, constatouse a “boa saúde do sector”, un sector que rexistra un incremento progresivo de actividade e resultados dende fai cinco anos e que é moderadamente optimista respecto a continuidade deste camiño.
Alcalde e concelleira concordaron cos hoteleiros nos factores que explican en boa medida a liña positiva na que está o sector hoteleiro e turístico: o posicionamento estratéxico de Pontevedra -“un percorrido lento pero cun importante retorno”- e a importancia do Camiño Portugués a Santiago. Os datos manexados polo Goberno local e a Asociación de Hoteleiros concordan tamén ao debuxar o perfil do visitantes que medra, un visitante internacional, os máis europeos pero tamén americanos cun nivel adquisitivo medio e medio-alto.
Fernández Lores informoulles que dende o Concello se vai a seguir adiante co traballo a prol do posicionamento internacional de Pontevedra e da desestacionalización do turismo.
Neste caso aposta municipal está vencellada á realización de eventos e sobre todo de eventos deportivos. De feito trasladoulles aos hoteleiros o calendario de citas deportivas internacionais e estatais que acollerá este ano Pontevedra, entre as que destaca o Mundial Multideporte.
O Concello ten en carteira dúas accións inmediatas para avanzar na promoción turística da cidade:
– Plan de formación en idiomas, coa vista posta na celebración do Mundial Multideporte que reunirá en Pontevedra a atletas de todo o mundo
– Plan especial de promoción do Camiño Portugués a Santiago co horizonte do 2021