O Pazo da Cultura acolle a II Gala dos Medios en galego. Pontevedra

O Pazo da Cultura acolle o vindeiro sábado 2 de febreiro, ás 12 horas, a II Gala dos Medios en galego, que chega da man da Amega (Asociación dos medios en galego). O humorista e actor Touriñán guiará o evento, no que intervirán Xaime Iglesias, da Asociación Cedofeita; Eva Mejuto, coordinadora do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra; Anxos Sobriño, da CTNL e o debuxante Kiko da Silva.

O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, presentou o evento xunto co presidente da Amega, Henrique Senfiz e o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal.

O concelleiro Alberto Oubiña subliñou a importancia da existencia de medios en galego, “é fundamental para a pervivencia da propia cultura galega, da información en chave galega e tamén para a creación de postos de traballo de xornalistas na nosa propia terra”.

Xosé Leal, pola súa banda, avogou polo apoio das administracións aos medios en galego xa que “a normalización da nosa lingua pasa por ter medios na nosa lingua”.

Henrique Touriñán lembrou que a Gala dos Medios en galego conmemora a publicación do primeiro xornal en lingua galega O Tío Marcos d’a Portela no ano 1876 da man de Valentín Lamas Carvajal, unha publicación na que o humor achegaba a realidade do día a día a unha poboación, con máis dun 50% de persoas analfabetas.

A asistencia a Gala dos Medios en galego é libre mais é preciso retirar o convite. As persoas interesadas poden facelo a partir das 11 horas no Concello de Pontevedra (Michelena 30, 3o andar) e no Museo de Pontevedra; e dende as 18 horas na libraría Paz.

Comparte!!!

Relacionados