5 anos construíndo a historia das mulleres . Pontevedra

O Concello de Pontevedra organiza un acto co fin de conmemorar os cinco anos de traxectoria do proxecto A memoria das mulleres e presentar a páxina web do programa : www.dogrisaovioleta.gal. Baixo o título 5 anos construíndo a historia das mulleres, o acto terá lugar o sábado 26 de xaneiro, ás 19.00 horas, no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) e contará coa participación do concelleiro de Patrimonio e Memoria Histórica, Luís Bará.

Coa constitución do consello asesor arrancaba o 19 de decembro de 2013 A memoria das mulleres, un programa da Concellaría de Patrimonio Histórico que tiña como obxectivo encher de contido o baleiro que as mulleres ocupaban no relato oficial, contar como de imprescindíbel foi o seu pulo para construír a Pontevedra que agora coñecemos.

Buscábase rescatar os nomes, as biografías e de ser posíbel os rostros das mulleres comprendidas en tres ámbitos: o das pioneiras, o das traballadoras e o das represaliadas e resistentes. Para iso traballouse na compilación da documentación, bibliografía, hemeroteca, imaxes e arquivos de son e vídeo que puidesen existir sobre elas, e ademais realizáronse ducias de entrevistas que puidesen achegar novas informacións.

Nese empeño fóronse realizando actividades e publicacións, exposicións, colaborouse en artigos e programas de radio, nomeáronse rúas, graváronse para sempre nomes de muller en placas, pintáronse murais…

Web dogrisaovioleta.gal O labor destes cinco anos faise público na páxina web www.dogrisaovioleta.gal unha fiestra para falarlle o mundo das mulleres que fixeran posíbel a historia da cidade.

No acto está prevista a actuación musical do grupo Comando Foucellas.

Comparte!!!

Relacionados