Mellora dos accesos ao Centro de Interpretación da Auga. Pontevedra

O Concello acondicionará o acceso e a parcela na que se sitúa o Centro de Interpretación da Auga nas instalacións do depósito regulador de abastecemento de Pontevedra, situado no Cimbelo, parroquia de Lérez. Esta inversión terá un custe de 280.097,65 euros e farase con cargo ás melloras do novo contrato do ciclo da auga que desenvolve a empresa Viaqua.

Na actualidade este centro de interpretación dispón de moi difícil acceso dende a estrada ao Castelo, na parroquia de Lérez. A intención é melloralo ampliándoo, creando ramplas e tamén escaleiras en distintos tramos para acceder até o final. Instalar iluminación e aproveitar sobre-anchos no acceso para fixar zonas de descanso con bancos.

O resto da parcela tamén será tratada con céspede, arborado e se instalará unha zona de xogos vinculada coa auga.

O obxectivo é abrir esta instalación creada no ano 2008 a toda a veciñanza. Tal vez estea máis enfocada aos escolares, pero o propósito do Concello é que calquera veciño que queira coñecer estas instalacións poida facelo, de aí que se traballe na implantación dun sistema que facilite estas visitas.

Un depósito e un museo

O Centro de Interpretación de Lérez consta dun gran depósito de auga de 1.673,21 m2 de superficie e dunha edificación anexa que funcionaba como zona de acceso ao interior do depósito e como vivenda da persoa encargada do mantemento ou garda, e que ten unha superficie construída de 216,44 m2.

Esta última construción é a que acolle o centro de interpretación. Estrutúrase en varias salas nas que cada unha trata un ámbito específico relativo á auga: a auga na natureza e na vida cotiá, a auga como recurso e o ciclo da auga. É, en realidade, un taller de ciencias con aparellos interactivos no que desenvolver actividades.

O deposito de auga de Lérez ten forma rectangular. Unha parte do mesmo atópase semienterrado con muros de contención de mampostería e outra parte superficial que sobresae 3,5 metros sobre a cota do terreo e está cuberto na súa totalidade por un forxado de formigón apoiado en pilares.

Accédese ao interior por unha pasarela elevada sobre do nivel da auga que se acumula no mesmo. Dende esta pasarela, pódese contemplar en toda a súa extensión a masa de auga acumulada mediante achegas procedentes do diferentes mananciais. O interior está acondicionado con xogos lumínicos e de auga para incidir e centrar a atención nas diferentes posibilidades que a auga ten na mellora da calidade de vida das cidades.

Este centro serve para facer comprender aos cidadáns, e particularmente aos máis cativos, a importancia da auga para a vida e o desenvolvemento da sociedade así como a problemática derivada do seu uso e a necesidade dun consumo racional e coidadoso.

Comparte!!!

Relacionados