Comeza o proceso de contratación do parque infantil de Médico Ballina. Pontevedra

A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra aprobou esta mañá abrir o proceso de contratación da instalación dun novo parque infantil na rúa Médico Ballina. Terá un orzamento de licitación de 175.000 euros e un prazo de execución de 3 meses.

Dende a aprobación desta mañá e unha vez que o servizo de Contratación do Concello publique esta convocatoria no perfil do contratante municipal, as empresas terán un prazo de 20 días hábiles para presentar as súas ofertas. É dicir, terán até finais de abril para presentarse a esta licitación, e durante o mes de maio reunirase a Mesa de Contratación para ir avanzado no proceso de adxudicación, que poderá ser no mes de maio.

O parque de Médico Ballina instalarase sobre a cuberta do túnel do tren, na marxe dereita da rúa Médico Ballina, en dirección Pontevedra-Santiago.

O parque estará situado nunha parcela de 1.198,42 m2, onde se pretende crear unha zona de estancia para os acompañantes dos rapaces, e unha traseira na que se instalarán os xogos infantís. Na entrada ao parque, onde se situarán os acompañantes, o prego recolle a colocación, cando menos, de 4 bancos, papeleiras, mesas con xogo de mesa e bancos incorporados, mesa de pinpong e unha fonte adaptada para mobilidade reducida.

Na zona de xogos, o prego deixa aberto o tipo de bambáns que se queiran colocar, pero marca como obrigados un xogo inclusivo e bambáns con unha cadeira tipo cueiro e outra inclusiva tipo hamaca; un xogo de tirolina e outro tipo cesta múltiple.

Comparte!!!

Relacionados