A Pedra na Nosa Cultura

Se hai algo que predomina e chama a atención ao visitante en Galicia é precisamente a pedra, na Natureza nos nosos montes, nas casas e muros das nosas aldeas, nas nosas ermidas e igrexas, nas nosas cidades, nas nosas edificacións en xeral.

A pedra é en multitude de culturas a representación de fortaleza, firmeza e permanencia case eterna. Pero en Galicia ademais a pedra segundo a súa forma, disposición e localización posúe diferentes significados. Debemos remontarnos á “época da cultura dos castros”, e aos petróglifos, moi abundantes sobre todo na zona de Pontevedra, e moi parecidos aos británicos e bretóns. A pedra sempre tivo ese valor sobreañadido de encantamento ou máxico, adoptado polo cristianismo xa que lle resultou imposible por máis que o intentou, erradicar as crenzas pagás, transformando e adaptando estes ritos pagáns a ritos cristiáns. Sen ir máis lonxe, a chegada do Apóstolo Santiago a Galicia está relacionada directamente coa pedra, xa que se di que os seus restos chegaron a “O Pedrón” (Padrón), que como o seu nome indica significa en galego unha gran pedra. Ademais Santiago a cidade é por excelencia pedra, e sentido de eternidade, tampouco hai que esquecer o importante gremio de canteiros galegos, quizá dos máis importantes de Europa e que merecen de seu un artigo aparte.

A pedra en si se esculpe, lábrase, se “amontoa” en túmulos, álzase, colócase en “equilibrio”… Empecemos a coñecelas.

-Os Milladoiros con connotacións funerarias, de gran tradición e importancia na temperá era cristiá. Eran moi numerosos por toda Galicia, algo que puña nerviosa á Igrexa, destruíndose moitas destas agrupacións de pedra. A tradición aínda así e todo non se perdeu, chegando cristianizada aos nosos tempos, só hai que ir a Milladoiro en “O Camiño de Santiago”, onde se dá fe de ir cumprindo correctamente coas diferentes etapas da peregrinación, ou o de San Andrés de Teixido. Na época pre-cristiá sen cre que estas pedras que conforman os milladoiros tiñan como cometido lastrar as almas para que non puidesen regresar ao mundo dos vivos.

-As Mámoas (Dólmenes):

“Seica alí enterraban ós xefes e despois, por riba da tumba, xuntaban pedras. Esas mámoas tiñan uns sete ou oito metros de lonxitude e dous de alto, e alí pousaban o difunto con todas as súas armas; o tesouro que era de ouro… e empezaban a xuntar terra arredor e polo medio e por riba, e así deixaban os montes. Na cima deixábanlle un burato no medio, unha especie de pozo onde metían as pedras e desde alí defendían o pueblo seu e máis  seu xefe dos inimigos” (1*)

As coñecidas como mámoas, antas, son “un elemento funerario de gran abundancia de todo o país, unha estrutura formada de terra ou a unión de pedras e terra que esconde no seu interior o verdadeiro sepulcro: O Dólmen”(2*)

Podemos constatar a existencia deles en moitas lugares, aínda que neste caso mencionaremos o Dólmen en Maus de Salas (Muiños- Ourense),ou o do Lago Castiñeiras en Pontevedra. Asócianse tamén estes dólmenes co mito dos dos mouros e as mouras, e os tesouros alí ocultos.

Non hai que confundir “Os Mouros” en Galicia co coñecido como “mouros”, ou “negros” ou xente de tez escura en Castela, que vivían en Andalucía e estaban relacionados xenéticamente cos árabes e persoas de raza negra africana. Máis ben todo o contrario, xa que vos mouros galegos posúen unha orixe celta, seres míticos belos, louros, de ollos e tez clara, con enorme poderes, similares aos existentes en País de Gales e Bretaña. Viven nun mundo paralelo baixo terra, onde son donos de grandes riquezas, e saen de cando en vez do outro mundo para penetrarse no noso e para negociar cos campesiños, ou no caso das mouras, para sacar brillo ás súas xoias. Posúen gañado e cultivos, e unha incrible forza, que lles permite mover montañas de pedra.

Na crenza destes mouros e dos tesouros albergados nestas moradas máis dun intentou saquearlas, no entanto, a crenza arraigada de lugar encantado e protexido facía que non fose lugar fácil para iso e eran moi temidos, así que se intentaba “quitar o encantamento” coa lectura dos Evanxeos acompañados de elementos da Misa como o incenso, mirra e auga bendita.

Co paso dos tempos moitos perderon este temor ao sobrenatural, pero seguían crendo no mito dos “tesouros de os Mouros”, e utilizaron métodos agresivos como a utilización de dinamita, é o caso de San Miguel de Curantes (A Estrada – Pontevedra), o mesmo sucedeu co petróglifo de Fragoselo (Vigo). A isto último só podemos engadir que sen comentarios.

Tamén debemos distinguir entre os dólmenes e os Menhires ou Pedras Fitas, a destacar A Pedra Alta, que se atopa no centro da Lagoa de Antela (Ourense) duns tres metros de altura; ou os aliñamentos de pedras que tenden a ser circulares, e gardando certa separación entre elas. Crese que este era un lugar onde se xuntaban os mouros para falar dos seus asuntos, ou as meigas como en “A Eira dás Meigas” no Monte Neme (Malpica / A Coruña), onde como moitas lendas relacionadas co solsticio de verán, di a tradición que na véspera da noite de San Xoan, reuníanse as bruxas no lugar chamado Fonte de Santa Cristina, e que logo de varias cerimonias e de danzar, soben ata a eira, e unha vez que están alí reunidas, ponse de acordo buscando o xeito de facer dano aos humanos.

1*) Monte das Mámoas, Santa María de Beariz, Ourense/ B. Aparicio Casado 2002:17
(2*) Definición P. Bouzas y X. A. Domelo /Mitos, ritos y leyendas de Galicia 2002: 24

Bibliografía:: ”Sociedade Campesiña na mitología popular galega” – B. Aparicio Casado / “Mitos, Ritos y Leyendas” . P. Bouzas y X.A. Domelo / “Galicia Mágica” – V. Vaqueiro.

Comparte!!!

Relacionados