Un lugar preto da cidade// Foto: fotografaspioneiras
Dende 2012 a cidade de Pontevedra posúe un ENIL, ou o que é o mesmo: un Espazo Natural de Interese Local. Trátase de case 70 hectáreas –das cales 48 pertencen á xunqueira propiamente dita– conformando un dos máis fermosos paraxes natural e paisaxístico dos que podemos desfrutar. Unha marisma de terreo comunal encadrada nas parroquias de Lérez e Campañó, coñecida baixo o nome de Xunqueira da Gándara do Alba, do Vao ou de San Caetano.
A devandita marisma a podemos dividir en: marisma alta, marisma baixa e chaira lamacenta na súa desembocadura, configurando unha zona húmida de augas doces dos ríos Rons e Lérez, mais as salgadas da ría. Este humidal é o único de Galicia cualificado como ENIL –en 2009 de forma provisional e en 2012 definitivamente– segundo a Lei 9/2001 de Conservación da Natureza de Galicia. As zonas húmidas presentan un ecosistema fráxil e complexo, ademais de ser belidos e interesantes recunchos tanto faunísticos como paisaxísticos. É sabido que os humidais pasan tempos anegados pola auga e posúen unha vexetación específica.
A paraxe non se constitúe tan só de marismas, senón que tamén fórmano matogueiras, lagoas costeiras ou bosques aluviais ou de ribeira con diferentes especies. Así, podemos percorrer unha especie de «eco-mapa» de arredor dos 550 metros de anchura. O seguimento profesional deste tipo de lugares revélase como unha tarefa fundamental para a súa conservación, facendo especial énfase no control da introdución de especies alóctonas ou exóticas, as cales poden variar e danar gravemente o ecosistema. Tamén é conveniente a introdución de gando, o pastoreo con cabalos ou o control da vexetación mediante segas, entre outras medidas.
Neste micro mundo natural convive unha fauna diversa e interesante. Nas diferentes guías editadas polo Concello podémonos familiarizar cos habitantes do lugar. Nos estudos referidos á Xunqueira da Gándara do Alba, froito de moito tempo de observación e catalogación, rexístranse: 43 especies de bolboretas, 101 anfibios, máis de 20 libeliñas, 133 aves, 13 mamíferos e máis de 170 tipos de flora. O paseo por este lugar convértese nun magnífico observatorio natural onde poder descubrir, identificar e desfrutar das especies que o conforman.
Das 133 especies de aves –das que 52 crían no propio espazo natural– catro están en perigo de extinción e tres son vulnerables, dentro do Catálogo galego de especies ameazadas. Estando atento, e cun ollo un tanto adestrado, podemos distinguir á Rula, ao Lavanco, á paciente Garza real, ao Corvo mariño grande secando as súas ás ao sol, á nocturna Curuxa, ao velocísimo Falcón peregrino que gusta de pousarse nos postes da electricidade, ao belido Picapeixe, ao Gabeador trepando polas árbores, ao Cirrio alimentándose en pleno voo ou ao Bico de coral, a especie máis numerosa do espazo a pesar de ser invasora.
Os anfibios sofren circunstancias que fan que periguen a súa integridade: a presión humana, os vertidos ou a presenza de especies invasoras como o Caranguexo vermello. En Galicia se documentan catorce especies de anfibios, das cales dez podémolas buscar no ENIL da Xunqueira. Son tres as zonas húmidas onde buscalas: a marisma, a charca de auga doce da Xunqueira do Alba e a Charca do Burgo, de auga salobre. Pese a dispersión dos anfibios por todo o ENIL, dáse un menor número deles nas zonas influenciadas polas mareas, debido á maior salinidade.
Para poder coñecer a estes curiosos animais debemos ter en conta a súa nocturnidade, presente na maioría de especies e ordes (Anura e Caudata). Temos á Píntega común; aos Tritóns verdes, común, ou palmado; ao Sapo común, ao corredor e mais ao pinto que é o máis numeroso do lugar; á Ra patilonga ou á verde común, etc.
No ENIL tamén nos atopamos con fermosas libeliñas. Pertencen á orde dos odonatos –nome que fai referencia a súa mandíbula dentada– coas subordes dos anisópteros, das que formarían parte as libélulas, e dos zigópteros, coñecidos como cabaliños do demo. As súas cores metalizadas e os corpos alongados fanos inconfundibles na biodiversidade do entorno.
Podemos observar entre outros: ao Gaiteiro azul e ao vermello; ao Gaiteiriño verde, que é o único dos odonatos que pon ovos sobre a madeira viva; á Donceliña ibérica ou de Graells co seu curioso horario da cópula, de 14:00 a 15:50; á Donceliña do mercurio ou á vermella, esta última a máis numerosa do lugar; ao Emperador grande; á Libeliña do luscofusco; etc.
Todo un fermoso mundo tan preto da cidade supón un atractivo ineludible para aquel que desexe fuxir do ritmo urbano, ou simplemente desfrutar da natureza nun instrutivo paseo. Contemplar e protexer a flora e fauna son sinais civilizadas.
Unha das guías editadas polo Concello // Imaxe: todocoleccion
Donceliña do Mercurio // Imaxe: anillagalicia
Para saber máis:
– CABALEIRO BARROSO, V. X..: Guiá de aves do ENIL Xunqueira de Alba, Concellaría de Medio Ambiente Natural. Concello de Pontevedra, Pontevedra, 2010.
– CABALEIRO BARROSO, V. X..: Guiá de anfibios do ENIL Xunqueira de Alba, Concellaría de Medio Ambiente Natural. Concello de Pontevedra, Pontevedra, 2011.
– CABALEIRO BARROSO, V. X..: «O Espazo Natural de Interes Local Xunqueira do Alba», Cedofeita, nº 18, Pontevedra, 2014, pp.36-39.
– FERNÁNDEZ MARTÍNEZ, M. A.: Guiá de odonatos do ENIL Xunqueira de Alba, Oficina de Medio Ambiente Natural. Concello de Pontevedra, Pontevedra, 2011.
– GONZÁLEZ, S. (Elaboración de contidos): A Xunqueira do Alba. O benestar de Pontevedra, Concello de Pontevedra – Concellaría de Medio Ambiente Natural, Pontevedra, 2011.