Arredor do Patrimonio Industrial Galego

Fotografía de Jose Chas (2016) tomada de https://memoriaindustrialengalicia.wordpress.com/galeria/#jp-carousel-21

Con motivo da inauguración, o pasado día 10, da exposición fotográfica “Memoria Industrial en Galicia” no Pazo da Cultura de Pontevedra, e máis dun coloquio a propósito do proxecto que tivo lugar na Casa da Luz o día 17 deste mes, traio a esta sección un feixe de impresións e lembranzas do que nestes sitios puiden ver e escoitar.

Jose Chas é o nome do autor da mostra, dedícase á fotografía da arquitectura e de produto. Vinte fotografías, tomadas entre 2012 e 2018 nas catro provincias galegas, constitúen o artístico testemuño da ruína e o patrimonio industrial que atesoura o pais. Máis alá do innegable mérito das instantáneas no tocante a súa limpa composición ou á forza serena que transmiten, esta exposición tamén acada a condición de reclamo da nosa atención con respecto a ruína industrial como potencial plástico pero tamén como contedor de moitas páxinas da nosa historia obreira e, finalmente, como algo a coñecer e protexer. As fotografías de Chas aguilloan a curiosidade, por fermosas e cheas de certa nostalxia.

No coloquio ofrecido como complemento á mostra falou en primeiro lugar o autor da mesma. E falou do seu traballo neste eido da ruína industrial, xa que o mesmo Jose Chas di que non corresponde a el o dirimir o que é ruína do que constituiría patrimonio. Máis de trescentas localizacións avalan a pescuda e o traballo deste fotógrafo, licenciado en Belas Artes. Un proxecto, posto en marcha desde 2003, que á vez de ofrecer a súa visión artística é capaz de amosar un importante esforzo de catalogación e defensa destes vestixios. Froito deste labor  tamén é un interesante blog no que podemos seguir o seu traballo, a ligazón é a seguinte: https://memoriaindustrialengalicia.wordpress.com/

Coloquio na Casa da Luz de Pontevedra (Foto: Mateo Fontán Couto.)

Falou a continuación Xoán Carmona Badía, catedrático de Historia e Institucións Económicas na USC. Do interesante das súas palabras podemos traer hoxe aquí a especificidade de valores que o patrimonio industrial posúe, e que fai que non todo sexa obxecto de protección; pola contra é necesaria unha catalogación científica e unha selección daqueles inmobles dignos de ser conservados. Tres motivos ofreceu este profesor para conservar o patrimonio industrial: un primeiro de identidade que no caso galego vai moi ligado ao mar e á condición feminina. Outro motivo sería por unha cuestión de desenvolvemento sostible e medio ambiente; entraría aquí a idea de reempregar un inmoble que, en varias ocasións, resulta unha resposta moi acertada para a conservación do edificio, a cal non ten porque seguir obrigatoriamente unha liña museística. Ademais o derrube destas construcións non é sempre a solución máis económica. O terceiro motivo que deu Xoán Carmona sería por unha cuestión educativa, neste sentido os máis cativos e a sociedade en xeral ten que recibir un discurso integrador deste patrimonio, como o que pode derivar dos nosos castros, pazos, cruceiros e outros elementos.

Outra convidada ao coloquio foi a doutora Cristina García Fontán, arquitecta responsable dun proxecto de rehabilitación en San Xurxo de Sacos, de carácter etnográfico e patrimonial, para a recuperación do balneario. A idea é, mediante o tratamentos das ruínas, crear uns baños onde a auga quede “dignificada”, tal e como expuxo a poñente. Deste xeito, as augas mineromedicinais volverían a ter a relevancia que tiveron en tempos pasados cun novo complexo onde a antiga fábrica da luz xoga o rol de ruína reempregada como balneario. Influído polos baños xaponeses, este proxecto tamén contaría coa rehabilitación de varios muíños, sendo dous destinados para sauna. Os tres mananciais de San Xusto, tan saudables para as enfermidades da pel ou do fígado, terían nesta iniciativa un fermoso indicador das posibilidades do tratamento das ruínas industriais.

En última quenda tomou a palabra o profesor de fotografía da Facultade de Belas Artes de Pontevedra: Manuel Sendón Trillo. A súa intervención versou sobre as características estéticas da ruína industrial que procuran os artistas. Falou de movementos e autores influentes. Para Galicia subliñou os traballos de José Suarez, de Casado e tamén do bueuense José María Massó.

Aplaudamos iniciativas como esta. É tempo de concienciación e de cometer os menores erros posibles. O patrimonio industrial goza de boa saúde noutras latitudes onde ademais celébranse encontros e fanse investigacións fondas. Aquí xa comezaron as raiolas; lembro un traballo ben feito de Francisco Pérez Fernández sobre a arquitectura industrial viguesa. A súa vez, o V Congreso para la Conservación del Patrimonio Industrial y de la obra Pública en España celebrouse en Ferrol no ano 2009 con gran interese e afluencia de público. Consecuencia do encontro foi unha relevante publicación. Tamén cabe destacar o labor de Buxa, a Asociación Galega do Patrimonio Industrial. Estes son algúns exemplos, o futuro agarda cheo de posibilidades no tocante ao patrimonio industrial. De momento a realidade comprácese na exposición de Jose Chas, a cal poderá ser admirada ata o 24 de febreiro no Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra.

Comparte!!!

Relacionados