Máis de 300 profesionais no XXXI Congreso Internacional de Xerontoloxía e Xeriatría en Pontevedra

Pontevedra acollerá a finais de xuño -os días 27, 28 e 29- o XXXI Congreso Internacional de Xerontoloxía e Xeriatría, un encontro multidisciplinar que xuntará a máis de 300 profesionais (médicos, fisitoterapeutas, psicoterapeutas, farmacéuticos, traballadores sociais…) galegos, do resto do Estado e chegados de distintos países de América Látina: Arxentina, Chile, Colombia e Paraguai. O seu título: Galiza liderando a lonxevidade europea: oportunidades e retos. Un dato: dúas provincias galegas -Ourense e Lugo- están entre as cinco máis envellecidas da Unión Europea.

O alcalde Miguel Fernández Lores recibiu hoxe aos organizadores do encontro: a presidenta do congreso, Natalia Vérez e Miguel Vázquez e Javier Pérez, presidente e vicepresidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX). Explicáronlle polo miúdo os contidos e alcance da cita ao tempo que pediron a colaboración do Concello.

Lores non só confirmou a boa disposición do Concello de colaborar na organización do encontro senón que propuxo converter a Pontevedra na sede permanente deste congreso internacional que xira arredor do envellecemento da poboación e a calidade de vida dos nosos maiores.

Natalia Vérez explicou que o XXXI Congreso Internacional de Xerontoloxía e Xeriatría vai a xirar arredor de catro temáticas: Por que vivimos máis?; estilos de vida saudables: vivir máis e mellor; os servizos sociosanitarios e a innovación (investigación).

Comparte!!!

Relacionados