O campo de fútbol Raimundo Piñeiro de Lérez acollerá o vindeiro sábado 18 de maio o XVI Trofeo Federación-Xunta de Galicia de Tiro con arco, unha oportunidade única para ver, coñecer e gozar dun deporte minoritario que está abríndose camiño en Pontevedra.
28 arqueiros menores de 14 anos e 68 maiores desta idade competirán ao longo da xornada nas modalidades de arco recurvo (olímpico) e arco composto (con roldanas).
A concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, presentou hoxe a cita deportiva convidando aos pontevedreses e pontevedresas a achegarse ate Lérez a gozar dun deporte no que teñen cabida nenos e nenas e maiores, homes e mulleres e 100% inclusivo. Ao carón tiña a Mercedes Gulín, presidenta do Club Arco Teucro; Elías Méndez, vicepresidente da Federación Galega de Tiro con Arco e Martín Martínez, presidente da Comunidade de montes de Lérez. As tres entidades son os piares, xunto co Concello, que fan posíbel o evento.