20 de maio Celebración do Día Mundial da Abella. Festival Internacional de Xardíns de Allariz

O vindeiro 20 de maio a Escola Galega de Apicultura celebrará  o Día da Abella no Festival Internacional de Xardíns de Allariz, cunha actividade que terá lugar nos arredores da Casa dos Polinizadores, un gran “hotel” de insectos ubicado nos xardíns para ofrecer aloxamento a multitude de abellas e polinizadores de diferentes tipos.

Alí ofreceranse obradoiros para escolares e público infantil, para que os nenos e nenas aprendan a importancia das abellas no medio ambiente e os múltiples beneficios que nos aportan.

As  Nacións Unidas declararon o Día Mundial da Abella o 20 de maio co obxectivo  de concienciar á sociedade sobre a importancia no medio ambiente das abellas e e a súa indispensable contribución á agricultura, alimentación e biodiversidade. Tamén esta xornada vai dirixida a denunciar as ameazas ás que se enfrontan as abellas na actualidade, entre elas o uso de pesticidas, os incendios ou a chegada de novos inimigos a causa da globalización, como por exemplo o tártago asiático (Vespa velutina), e polo tanto sensibilizar sobre a necesidade de protexelas.

A Escola Galega de Apicultura e as súas entidades integrantes, Asociación Galega de Apicultura, Concello de Allariz e Fundación Ramón González Ferreiro, súmanse a esta celebración organizando unha actividade dirixida a público infantil, que terá lugar durante toda a mañán no entorno do Festival Internacional de Xardíns de Allariz. Participarán en primeiro lugar os escolares do CEIP de Xunqueira de Ambía e a partir das 12 h. a actividade abrirase tamén  ás persoas visitantes dos xardíns. A través de varios obradoiros, os nenos e nenas coñecerán como son as abellas e os polinizadores, aprenderán a facer a súa propia casa de insectos e descubrirán a variedade de meles que temos en Galicia.

Pero todas as persoas a título individual poden sumarse a esta celebración. Algunhas ideas sinxelas que se poden facer son promover actividades divulgativas sobre as abellas no seu entorno, poñer plantas que lle gusten ás abellas nos balcóns ou hortas, mercar mel e produtos apícolas locais, colocar “hoteis de abellas” onde poden vivir abellas solitarias e outros insectos, evitar o uso de sustancias tóxicas para os insectos e polo tanto tamén para as abellas ou mercar alimentos que non as utilicen.

Ademais deste evento en Allariz, a Asociación Galega de Apicultura organiza outras actividades nos próximos días a través das súas delegacións comarcais. Os días 18 e 19 de maio en Narón a DAGA Ferrolterra organiza charlas sobre a importancia das abellas e e obradoiros para aprender a facer licores e xabóns con mel, en Gondomar a III Feira e IV Xornadas Apícolas do Valmiñor a través da DAGA Rías Baixas e o 20 de maio a DAGA Coruña ofrece unha actividade divulgativa sobre as abellas no Xardín Botánico de Culleredo.

+INFO. CLICK AQUÍ

Comparte!!!

Relacionados