A Casa do Celta de Vigo: O Estadio de Balaídos

Situado na cidade de Vigo. É o estadio no que xoga como local o Real Club Celta de Vigo, equipo da Primeira división española.

O topónimo do lugar deriva de Abeladíos, facendo referencia a un lugar onde abondan as abeleiras (arbusto) . O estadio é obra do arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez e foi inaugurado o 30 de decembro de 1928 cun partido entre o Celta de Vigo e o Real Unión de Irún, no que gañou o Celta por 7-0. Entre 1967 e 1971 o concello levou a cabo unha reforma en profundidade unha por unha a tódalas bancadas, dándolle a configuración actual, salvo a banda de Río (que recibe o seu nome por estar sobre o río Lagares).

Posteriormente foi remodelado con motivo da acollida do Mundial de fútbol de 1982, na que se completa a remodelación anterior e reformase entre outras cousas a bancada de Río. Tamén se fixeron obras no campo en 2004 con motivo da primeira participación do Celta na súa historia na Liga de Campións, e adecuando o estadio á normativa da FIFA. Naquel momento o estadio tería unha capacidade de 31.800 espectadores.

A comezos da tempada 2012/13 acometeuse unha reforma para acondicionar o vetusto estadio, tapando o foso que circundaba o terreo de xogo e eliminando algunha das primeiras filas da bancada, nas que era moi mala a visibilidade, para eliminar os obstáculos entre o afeccionado e o terreo de xogo, emulando así os campos de xogo ingleses . Con esta remodelación a capacidade do estadio quedaría en pouco menos de 30.000 asentos.

PARTIDOS PARA O RECORDO

Ao longo da historia acolleu diversos partidos internacionais da selección galega e enfrontamentos da selección española e a portuguesa.

O 2 de abril de 1933 acolleu o encontro España-Portugal (3-0). Antes do partido a galega Emilia Docet, miss España dese ano, saíu ao campo cun traxe típico portugués, acompañada doutras rapazas co traxe galego. Acadouse unha recaudación de 130.000 pesetas. Os combinados peninsulares volveron enfrontarse o 26 de setembro de 1979 (1-1) e o 19 de xaneiro de 1994 (2-2).

O 27 de decembro de 2007 a selección galega enfrontouse á Camerún, no terceiro partido da época contemporánea. Rematou con empate (1-1), os dous goles metidos de penalti, adiantándose primeiro Galicia, por medio de Xulio Álvarez no minuto 70, e empatando para Camerún Song, no minuto 87

O 14 de xuño de 1982 foi a primeira ocasión en que se celebrou en Galicia un encontro dunha Copa Mundial de Fútbol. Os participantes, Italia e Polonia, que ese día empataron a cero goles, serían, ao finalizar o campionato, gañador e terceiro clasificado respectivamente.

CANDO O ESTADIO SE VISTE DE MÚSICA

Amais de encontros deportivos, o estadio de Balaídos acolleu tamén diversas actuacións musicais.

O 29 de xullo de 1990 actuou Madonna ante 20.000 persoas, como parte da súa xira Blond Ambition Tour, con Siniestro Total como abreconcertos. A artista cantou varias cancións cunha camiseta do Celta.

En xullo de 1992 o festival Afroamérica trouxo durante dous días artistas como Tracy Chapman, B.B. King, Gilbero Gil, Willy Deville, Dr. John, Celia Cruz con Tito Puente e Milton Nascimento.

O 21 de agosto de 1992 a banda Dire Straits actuou ante 40.000 persoas.

O 18 de xullo de 1998 tocaron The Rolling Stones, na xira Bridges to Babylon, ante 35.000 espectadores.

O 21 de xullo de 2001 actuou Alejandro Sanz ante 15.000 persoas.

Vídeo: Historia do Balaídos

Fonte: Wikipedia

Comparte!!!

Relacionados