O concelleiro de Obras e delegado de Lourizán, Demetrio Gómez mantivo onte unha reunión con asociacións da parroquia para amosarlle o novo centro social, a Casa do Mercado, e fixar unha xornada de portas abertas para este sábado, 13 de abril, de 11 a 13.30 horas para todos os veciños e veciñas que queiran coñecela.
No encontro de onte pola noite, a maior parte dos veciños quedaron gratamente sorprendidos polo resultado da remodelación deste equipamento municipal. Tamén abordaron as distintas posibilidades que ten o novo centro, e as asociacións quedaron en facer o futuro reparto dos espazos.
O Concello de Pontevedra recibirá oficialmente mañá este novo centro nun acto público e administrativo ao que asistirán os técnicos municipais, o alcalde e o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez.
Máis de 450.000 euros
A Casa do Mercado está situada no centro de Estribela e foi adxudicado a Construcións Pérez Abilleira por 452.182 euros, aínda que a licitación do proxecto era de 545.521,32 euros.
Ten unha superficie de 672 metros cadrados construídos, moi necesaria para albergar as múltiples actividades que se programan na parroquia máis poboada do municipio.
Dispón de dous andares. Na planta baixa (o que era o antigo mercado que está pechado agás un espazo que ocupa unha concesión dunha carnicería, totalmente exenta ao edificio actual), empregarase para usos específicos e menos habituais como conferencias, proxeccións, exposicións… Creouse unha sala de 130 metros cadrados accesíbel dende o exterior cun vestíbulo de entrada. Dispón de almacén, aseos e dun office que poderá servir para facer cursos de cociña, por exemplo.
Esta planta é totalmente independente do segundo andar, que ten acceso directo dende a traseira do edificio. Ten unha superficie de 372 metros cadrados para almacéns, despacho, tres aulas e aseos. O vestíbulo común dispón de iluminación natural, xa que as paredes das salas non chegarán até o teito o que permitirá que entre a luz cara o vestíbulo central.
Ademais, creouse unha galería á vista en toda a fachada para dar maior luz a todas as dependencias.