A Illa Guidoiro Areoso …” a illa das Mámoas” Parte 1 (Ría Arousa – Pontevedra)

Foto: Iago Pillado – Wikipedia

A Illa do Guidoiro Areoso é un illote galego situado no interior da Ría de Arousa a 1,4 quilómetros ao oeste da Illa de Arousa.

É o maior dos illotes que conforman o arquipélago de Rúa e Os Guidoiros (O Areoso e O Pedregoso) a pesar de que apenas ten 600 m de longo de norte a sur por 200 m no seu punto máis largo e só acada 9 m sobre o nivel do mar no seu punto máis alto.

É un illote de case 9 hectáreas, baixo e constituído case completamente de area. A metade norte está ocupada por unha duna activa, mentres que na sur se mesturan afloramentos graníticos cunha duna vexetada. Toda a illa está rodeada de arrecifes á flor de auga, ata naquelas partes con máis presenza de area emerxida.

A pesar do seu tamaño, destaca a presenza de diversos restos arqueolóxicos, sobre todo varias mámoas e dolmens megalíticos.

A finais dos anos 80 do século XX o arqueólogo José Manuel Rey García localizou na súa superficie tres estruturas megalíticas, das que escavou dúas, así como un asentamento de comezos da Idade do Bronce no que, xunto a cerámicas e outras pezas, se recuperaron abundantes restos de fauna doméstica (vacas, porcos e ovellas ou cabras). Non semella haber ocupacións humanas posteriores a esa data. Unicamente atopou restos dunha ánfora romana que seguramente procedese dunha embarcación afundida nas proximidades. Aínda así, seguiuse frecuentando tanto para o marisqueo como para a extracción de granito para a cantaría.

Pode estrañar a presenza deste importante número de sitios arqueolóxicos nun illote tan pequeno e apartado do continente, pero cómpre aclarar que nin o nivel do mar nin a liña de costa permaneceron estables ao longo do tempo. As rías galegas formáronse pola inundación de antigos vales fluviais na fin da última glaciación, pero esta inundación non foi inmediata e déronse ciclos de crecemento do nivel do mar e outros de estabilización.

Os estudos indican que desde o 5000 a. C. e durante todo o neolítico, época de construción das tumbas megalíticas, o nivel do mar estaría estabilizado entre 5 e 7 m baixo o nivel actual, co cal a liña de costa estaría máis ao interior da ría que na actualidade. Con esta situación, a actual illa de Arousa formaría nesta época parte dunha gran península unida ao continente, península da que tamén formarían parte o propio Guidoiro Areoso e outros illotes máis pequenos como o Corveiro ou Guidoiro Pedregoso. O mar permaneceu estable ata comezos da Idade do Bronce, cara ao 2200-2000 a. C., cando comezou a subir de forma progresiva ata situarse 1.000 anos despois entre 1 e 2 m baixo a cota actual. Seguramente durante esta subida foi cando Guidoiro quedou convertido nunha illa, de aí que non se coñezan ocupacións humanas posteriores ao Bronce.

Nos últimos anos o illote sufriu un importante proceso de alteración das superficies areosas, como corresponde ao seu ambiente dunar. A duna norte reduciuse considerablemente en altura e extensión, mentres que nas praias desapareceu case un metro de area só nos últimos seis anos. Como consecuencia desta situación, outros sitios arqueolóxicos saíron á luz. Agora coñecemos un total de cinco estruturas megalíticas, e abundante material arqueolóxico do neolítico final e de comezos da Idade do Bronce se esparexe pola zona intermareal. A acción do mar, inexorable, está a afectar estes sitios alterándoos e facéndoos desaparecer paseniñamente.

Todos os sitios arqueolóxicos que se coñecían en Guidoiro Areoso a comezos do 2014 situánse na zona intermareal, onde a acción do mar os deixa ao descuberto, xa que o interior está completamente ocupado por unha duna. Ata agora identificamos cinco monumentos megalíticos (mámoas), todos eles na metade sur da illa. Non coñecemos a súa cronoloxía exacta, pero non difiren moito dos que atopamos no resto de Galicia, polo que se pode supoñer unha idade similar, do Neolítico ou Calcolítico (4500-2000 a.c. en cifras redondas). Ademais, polas praias do illote esparéxese abundante material arqueolóxico do Calcolítico e mais da Idade do Bronce, sobre todo cerámica e restos de comida.

Pero isto é só o que se sabe ata hoxe. Cada ano os temporais do inverno erosionan un pouco máis O Areoso e deixan á vista novos achados arqueolóxicos ata entón sepultados pola area. E seguramente aínda existen moitas sorpresas agachadas baixo ela.

No ano 2014 púxose en marcha unha iniciativa aberta ao conxunto da sociedade: Guidoiro Dixital, onde se busca reunir información gráfica (fotografía ou vídeo) do illote e os seus sitios previa ao 2013. O propósito é dar a coñecer este patrimonio tan feble, facer un seguimento de como está a evolucionar a liña de costa e como afecta á preservación dos sitios, promover a súa protección e reconstruír dixitalmente os sitios que foron destruídos ou alterados por esta dinámica nos últimos anos.

Vídeo: Conversa co arqueólogo Ignacio Vilaseco sobre os xacementos atopados en Guidoiro Areoso, illote da Ría de Arousa.

Fonte: Wikipedia

Comparte!!!

Relacionados