A finais de febreiro sacamos á luz un novo traballo fotográfico do artista Xosé Abad, «Nais e fillas. Dúas xeracións, un obxectivo», unha exposición en que o artista amosa mulleres de distintas xeracións, nais e fillas, unhas fronte ás outras, para dar conta dos cambios alentadores que se deron na nosa sociedade en favor delas. Do 27 de febreiro e ata o 1 de xuño poderás descubrir no Café Moderno de Pontevedra este bonito proxecto que aplaude mulleres bravas, as súas traxectorias, esforzos e consecucións no eido laboral e persoal. Abad dá pé ao optimismo, hai moito que camiñar, mais tamén hai un bo treito andado.
Visita guiada inaugural o día 27 de febreiro ás 19.00 h co artista Xosé Abad. Entrada gratuíta ata encher capacidade. Reserva aquí a túa praza.
A MOSTRA
Este traballo expositivo ten como finalidade retratar e presentar dúas imaxes das mulleres ao través de dúas xeracións que, sen estaren moi distanciadas no tempo, reflicten unha diferenza laboral e sobre todo vital. A intención do autor é amosar este salto xeracional no retrato de nais e fillas, dúas xeracións de mulleres cunha relación de afectividade, con vidas diferentes ligadas a traballos moi diferentes, que transcenden do privado e particular ao xenérico e emblemático, converténdose en representantes de dous xeitos de vivir.
Cada parella representada aparece en tres fotografías: na primeira podemos ver as nais que responden á imaxe tradicional da muller, en moitos casos ligada ao sector primario e con escasa formación académica, mais con moito traballo e oficio. Nais que, cun grande esforzo, procuraron un futuro distinto para as súas fillas, plasmado nunha forma de vida e en oportunidades que elas non tiveron. Na segunda fotografía podemos ver as fillas, mulleres que representan a xeración que se incorpora masivamente ao mundo do traballo empresarial e á sociedade desde unha posición enfrontada aos estereotipos tradicionais. Traballadoras dos sectores industrial e de servizos e cunha boa cualificación profesional. Na terceira imaxe aparecen xuntas, próximas e cómplices, sabias e satisfeitas do camiño percorrido.
«Entón falabas e o que dixeras ti non valía de nada, non sabías o que dicías, eras unha tola. O que valían eran os homes, vale máis unha mentira dun home…»
Pilar Díaz. 70 anos. Traballadora de conserveira. Xubilada
«Miña nai sufriu o seu porque ela empezou desde cero, sacrificando todo o seu tempo libre por manternos a nós e por estar aí educándonos e dando o que ela boamente nos podía dar»
Catu Vilariño Díaz. 32 anos. Bombeira