O Misterio Musical Dos Xardíns De Casto Sampedro

Fotografía de Jose M.Facorro Búa

Nos xeitosos xardíns dedicados ao insigne erudito don Casto Sampedro e Folgar prodúcese cada día, ao caer a noitiña, un fenómeno curioso, un tanto enigmático e tamén fermoso.

Sitos na pouco lembrada praza de Ourense son xardíns en homenaxe ao pai da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, primeiro director do Museo Provincial e, ao cabo, un dos meirandes investigadores do noso pasado. Moi próxima atópase a casa onde tiña o seu despacho, lugar de faladoiro entre destacados intelectuais na Pontevedra da época e que aínda hoxe agarda unha placa –requirida por varias persoas en medios públicos- que recorde tan importantes e frutíferas xuntanzas.

Xardíns de Casto Sampedro (Imaxe: www.tripadvisor.es)

Alí, neses xardíns, unha engaiolante música culta e impetuosa asoa cando o día da paso á noite nunha sorte de valse ritual. Durante tempo a xente cuestionouse sobre esa melodía; supoño que as teorías serían varias segundo a imaxinación de cada un, quen sabe se a lenda enraizou entre as camelias dos xardíns de don Casto.

O certo e que esa misteriosa música non é outra que a Música acuática de Georg Friedich Haendel. Un concerto barroco composto por tres suites e estreada o 17 de xullo de 1717 a petición do rei Xurxo I da Gran Bretaña. A obra foi interpretada sobre unha barca, onde ían cincuenta músicos, polo rio Támesis. A esta barca seguíalle a do rei, rumbo a Chelsea. Dise que o monarca quedou tan satisfeito do concerto que mandouno repetir interpretándose ata tres veces durante a viaxe, anque tamén puido suceder que as tres suites interpretáranse durante a viaxe río abaixo, a cea e a viaxe de volta. Tamén dise que Haendel compuxo a obra para recuperar o favor perdido do rei.


(Imaxe: https://open.spotify.com/album/0xlGxj0FhnTeLoTYHhG0sN)

A Música acuática estreada sobre o Támesis foi unha versión, con novos movementos, da obra orixinalmente inaugurada no agosto do Londres de 1715.  A orde dos movementos dentro de cada suite non se coñece con exactitude hoxe en día. O que si resulta unánime é a idea de que se trata dunha das grandes composicións do seu tempo, transcendendo universalmente e sendo unha das obras máis coñecidas do afamado compositor de Halle, cumio da música occidental.

Georg Friedrich Haendel

Mais, de onde saía a música de Haendel nos xardíns pontevedreses? Ao parecer a resposta retrotraese a cando o concello instalou un fío musical no sitio e que, co paso dos anos, foi esquecido. Nos últimos tempos, ao cortarse os sebes que encadraban os xardíns, a música procedente de altavoces en forma de pivotes cobrou un maior protagonismo, sentíndose polos arredores sen que a xente soubera moi ben de onde viña.

Poida que este misterio musical engada un encanto se cadra maior a un dos sitios de seu máis belidos da cidade. A Música acuática mestura co chafarís no seu verter claro do líquido elemento. Gusto de pasar por alí na noite e poder escoitar tan fermosos sons.  

Nova no formato dixital da Voz de Galicia. 03/11/2017.

Vídeo
Comparte!!!

Relacionados