Os comuneiros de Salcedo ceden ao Concello 14.800 m2 para construír o futuro campo de herba sintética. Pontevedra

O Concello de Pontevedra xa dispón da cesión de uso da parcela de 14.800 m2 do monte comunal de Salcedo, no lugar de San Martiño -no baleirado existente do antigo campo de tiro da Brilat- para a construción do campo de fútbol de herba sintética e instalacións anexas na parroquia. Segundo contempla na acta de cesión, será por tempo indefinido, sempre e cando o Concello manteña o fin ou destino previsto.

Na parcela está prevista a construción do campo de fútbol, o seu acceso, un estacionamento e instalacións de apoio cun proxecto redactado polo despacho de arquitectos “Santos-Mera” e Gustavo Pérez Álvarez.

O Concello xa ten en marcha o proceso de contratación e nas vindeiras semanas comezará a licitación do proxecto, que no futuro se completará con outras instalacións como unha pista de BMX e outra de atletismo.

Inicialmente o proxecto ten un orzamento de 1.150.000 euros. A instalación adáptase ás características naturais do terreo, que foi un dos requisitos dos comuneiros á hora de ceder o espazo para a súa construción. Ademais do terreo de xogo que terá as dimensións esixidas pola FIFA para disputar calquera partido oficial de ámbito internacional, disporá dun edificio multiusos.

Nesta construción haberá unha bancada, situada sobre os vestiarios que serán catro. Disporá de espazos de almacén, cantina aberta tanto á parte interior do campo como a zona exterior; aseos; almacén de bicicletas e un espazo para limpar esas bicicletas logo de percorrer o monte. A comunidade de montes ten un acordo co Club Ciclista Farto para o uso do monte con carácter deportivo, e solicitou que se habilitara este espazo na edificación do campo de fútbol, para poder limpar as bicicletas logo do seu uso.

A construción tamén disporá dun aula de usos múltiples, outra das peticións da comunidade de montes para facer actividades relacionadas coa natureza.

Contará cun depósito para a recollida de auga da chuvia para regar o campo, seguindo os parámetros de sostibilidade.

Comparte!!!

Relacionados