Pratos de culler para a xornada da Ruta das Tapas. O Carballiño

Callos ao xeito tradicional, fidegua de gambas, crema de mariscos, fabada asturiana, fabes de Lourenzá, garbanzos con costela de porco ou frixoles, entre outras especialidades culinarias, poderán degustarse este venres, 1 de febreiro, nunha nova xornada da Ruta das Tapas que, nesta ocasión, está dedicada á gastronomía de culler.

O evento, no que participan catorce establecementos hostaleiros, foi presentado este mediodía no Bar Don Paco, nun acto ao que asistiron os concelleiros de Turismo e Cultura, Manuel Dacal e Diego Fernández, respetivamente; a xerente do Centro Comercial Aberto, Noelia Mares, e representantres dos mesóns, bares e restaurantes integrados nesta iniciativa.

Manuel Dacal amosou o seu agradecemento aos hostaleiros, ao CCA, á adega Pazo Tizón e ás demáis entidades e marcas comerciais que fan posible esta demostración da gastronomía local, que da vida á hostalería e ao Carballiño, según dixo o concelleiro. Tamén se referiu á oportunidade de que esta nova xornada se lle dedique aos pinchos de culler, xa que estamos no tempo indicado para isto. E por iso convidou aos veciños e visitantes a achegarse este venres á vila e visitar os establecementos integrados para degustar os seus pinchos.

Noelia Mares recordou que a consumición dun pincho conleva a posibilidade de obter premios directos, e que na app “quedamosdetapas” ofrécese toda a información da oferta de cada un dos establecementos. Así mesmo, fixo fincapé unha vez máis na gran variedade e calidade das tapas que elabora a restauración carballiñesa, e que se poderán degustar a partir das oito da tarde deste próximo venres.

Finalmente, o xerente do local anfitrión, en nome de todos os hostaleiros, invitou ao público a participar nesta ruta para degustar nos catorce locais participantes uns pinchos moi apropiados para este tempo de inverno.

Comparte!!!

Relacionados