II Feira da Ciencia e Literatura. Bueu

Tras o éxito do pasado ano, o Concello de Bueu volverá apoiar a II Feira da Ciencia e da Literatura, un proxecto educativo e social que nace desde o IES Johán Carballeira co fin de visibilizar o papel das mulleres na ciencia e na literatura, e que se celebrará o vindeiro 4 de maio na carpa sita na céntrica Praza Massó, con horario entre as 11.00 e as 14.00 h e das 17.00 ás 20.00 horas.

A principal novidade é que este ano participan todos os centros educativos da vila, que realizarán distintas actividades para este evento no que se agarda superar as cifras de visitantes da pasada edición. Así o salientaron na rolda de prensa deste martes, na que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, Asun Soñora, directora do IES Johán Carballeira, Carmen Miñambres, coordinadora da biblioteca deste centro e da feira, Adoración de la Fuente, inspectora de educación, ademais de representantes dos centros educativos da vila bueuesa, do CFR Pontevedra e outras persoas colaboradoras.

O alcalde destacou a importancia de que “se una toda a comunidade educativa da vila para crear esta gran festa da ciencia e da literatura”. Nesa idea tamén abondou a inspectora, quen animou ao centro a seguir apostando por estes proxectos. E, por último, a directora do centro impulsor salientou que “esta feira une a todo o alumnado, tanto os que teñen dificultades como os que non, e aí radica o máis satisfactorio”.

A dinámica da feira será semellante ao pasado ano, coa presenza de diversos postos nos que se analizarán os libros propostos, os cales están sendo traballados ao longo do curso polos alumnos e alumnas. 

A programación incluirá obradoiros, proxeccións, observacións do sol e mesmo un Kamishibai, ademais dunha pequena biblioteca sobre a feira que se poderá consultar na carpa pequena.

Esta iniciativa xestouse o ano pasado coa idea de relacionar a ciencia coa literatura, dúas disciplinas a miúdo moi afastadas pero que teñen moito en común. Ademais, tamén se busca divulgar o traballo que se fai desde os centros educativos e achegalo ao conxunto da sociedade. Por iso, desde o centro agradeceron a colaboración de toda a comunidade educativa.

¬VER / DESCARGAR PROGRAMA

Comparte!!!

Relacionados