Unha das principais novidades neste curso foi a modificación do plan de estudos.
Esta modificación, que vén dar resposta a unha reiterada demanda das familias, consistiu no adiantamento da idade para iniciar estudos de maneira que os nenos e nenas de 3 e 4 anos poden cursar a materia de Iniciación Musical. Así pois, son 19, dun total de 137, os alumnos/ as matriculados nesta materia cunha carga lectiva dunha sesión semanal de 50 minutos e están divididos en 3 grupos.
Esta ampliación de estudos, así como a asunción da dirección da Escola por parte do profesor de trompa, Benjamín Dorado, supuxo tamén unha reestruturación e ampliación do persoal de profesorado. Así pois, procedeuse á contratación de catro novos profesores nas especialidades de Pedagoxía da Linguaxe Musical, Trompa, Tuba e Clarinete.
Ao reforzo no Plan de Estudos e no persoal de profesorado hai que engadir tamén a ampliación do material didáctico da Escola, coa compra de pequenos instrumentos para a impartición da nova materia, así como a compra de partituras cun investimento que supera os 1.000 €. “Debemos de ter en conta que a formación musical é unha dás máis completas culturalmente falando polo que, independentemente de que os nenos e meniñas escollan un futuro profesional relacionado coa música ou non, todo o que fagamos neste eido é unha aposta polo seu futuro”, afirmou a concelleira de Educación, Cultura e Xuventude, Paz Lago.
Doutra banda, ao comezo deste curso o alumnado da Escola estreaba unha nova sala de ensaios na que durante o pasado verán fixéronse diversas obras para acondicionala. O orzamento total da obra ascendeu a 13.223,61 € dos cales 9.503,50 € foron asumidos polo Concello e o resto pola Consellería de Cultura.
As obras consistiron na substitución do falso teito por placas fonoabsorbentes, a colocación de tarima flotante en carballo, a colocación de tabique de pladur e porta corredera de taboleiro hidrófugo para habilitar un espazo onde gardar material e o pintado de todo o local. Con esta reforma mellorouse sensiblemente as condicións da sala en cuestión que repercute directamente no alumnado e tamén noutras agrupacións que fan uso dá sala.