Presentación do programa da 56ª Feira do Viño do Ribeiro en Ourense

No acto que tivo lugar onte no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense,  interviron: Ignacio Gómez, Alcalde do Concello de Ribadavia; Juan Casares, Presidente do CRDO Ribeiro, Manuel Doval, deputado de Cultura da Deputación de Ourense e María Touza, concelleira de Cultura e Turismo de Ribadavia.

Manuel Doval, deputado provincial, sinalou que debemos traballar en potenciar a comarca e os viños do Ribeiro, destacando e poñendo en valor a paisaxe e a historia que temos nesta zona e apostar polo “ouro líquido” e polo termalismo.

Pola súa parte, o alcalde de Ribadavia precisaba que a FVR non se fai para competir con ninguén, faise para “mellorar e dignificar o viño do Ribeiro”.

Asemade, citou que moitas das actividades que se poderán gozar durante o evento, non se centran só en Ribadavia, senón en todo o Ribeiro, homenaxeando ás súas xentes que dende hai moitos anos levan traballando e “facendo Ribeiro” de xeito anónimo.

Finalmente, o presidente do CRDO Ribeiro, Juan Casares, mencionaba que “sempre hai innovacións no programa de actividades na FVR, como o RibeiroBUS turístico, principal novidade nesta edición.

Tamén destacou que a Feira do Viño do Ribeiro debe ser unha festa de reivindicación do Ribeiro, para conseguir atraer a xente á zona para que a coñezan e consuman o viño alí, no propio territorio, porque non vai a saber igual que se o beben noutro lugar.

¬VER / DESCARGAR PROGRAMA
¬VER / DESCARGAR PROGRAMAS OUTRAS ACTIVIDADES
¬VER / DESCARGAR FOLLETO RECINTO FEIRAL

 

Comparte!!!

Relacionados