Informar e promover estilos de vida saudables e dar recursos á poboación interesada en mudar os seus hábitos co fin de tener unha maior calidade de vida. Con este dobre obxectivo nace, promovida pola Concellería de Benestar Social Municipal (BSM), o programa Sen cita previa. Agasalla saúde. Nel colaboran o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte.
A concelleira de Benestar Social, Anxos Riveiro, presentou hoxe a iniciativa acompañada polo médico José Luis Ulla Rocha, primeiro poñente deste ciclo que inclúe tres charlas- debate. O seu relatorio dará unha visión xeral sobre a necesidade de ter hábitos saudables e das repercusións negativas sobre a saúde e a calidade de vida de non telos.
A alimentación e actividade físicas son dous piares básicos da vida saudable, así que as dúas temáticas estarán presentes nas intervencións dos especialistas.
As charlas terán lugar no Teatro Principal, ás 20 horas. A entrada é libre até completar aforo.
Programa
31 de xaneiro. 366 días saudables
José Luis Ucha Rocha.
Facultativo especialista en Dixestivo. Complexo Hospitalario de Pontevedra
14 de febreiro. Non alteres o corazón
Sergio Raposeiras Roubin.
Cardiólogo clínico. Hospital “Alvaro Cunqueiro” de Vigo
Miguel Aragón Fitera.
Licenciado en Educación Física
21 de febreiro. Sobrepeso, diabetes… falamos?
Paula Sánchez Sobrino
Facultativa especialista en Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario de Pontevedra
Xavier Castro Gacio
Licenciado en CC da Actividade Física e Deporte