Traballos no parque de Pontillón para conservar a súa masa forestal en boas condicións. Pontevedra

A Concellaría de Parques realizará a primeiros de maio unha actuación silvícola no parque forestal do Pontillón do Castro, na parroquia de Verducido, valorada en 7.252,74 euros para manter os espazos de lecer en boas condicións e realizar podas en distintos exemplares do parque.

O traballo farase nunha superficie dunhas 4 hectáreas e consistirá, por un lado, na eliminación de matogueira (toxos, silvas, fieitos e outras especies) que invaden a zona de lecer do parque forestal. Farase por medios mecánicos e manuais.

Tamén se podarán especies de frondosas e coníferas dentro das áreas acoutadas mediante cerramento con postes de madeira, tamén nos noiros e marxes de acceso, sinalizacións, construcións, asadeiros, zonas de merenda e aparcadoiros.

O Concello de Pontevedra foi o promotor do acondicionamento e posta en valor do Parque Forestal do Pontillón como punto de recreo dos veciños do concello hai dez anos. Naquela actuación xa se prevía un mantemento durante os tres primeiros anos, e co paso do tempo íanse facendo actuacións puntuais sobre as especies do parque.

Na actualidade non é preciso realizar actuacións de gran calado porque as árbores do conxunto do parque atópanse en bo estado, pero si é preciso un tratamento silvícola para manter este espazo natural de alta calidade para que os veciños e visitantes poidan gozar del nas mellores condicións.

Da man ca Comunidade de Montes de Verducido, o Concello volve a facer un investimento extraordinario para manter un punto de referencia parroquial pero tamén de esparexemento de todos os veciños de Pontevedra. E agradece a colaboración e implicación dos veciños no mantemento, conservación e coidado do parque forestal tendo en conta que o monte é de todos.

 

Comparte!!!

Relacionados