As familias da Pontevedra obreira homenaxeadas o 30 de novembro serán agasalladas cunha grabación do acto

(Publicado 20 de febreiro, 2017)

As familias da Pontevedra sindicalista, obreira e agrarista e as súas vítimas silenciadas que foron homenaxeadas no Teatro Principal o pasado 30 de novembro recibirán do Concello de Pontevedra unha copia do vídeo grabado na homenaxe que tivo lugar no Teatro Principal e no que se recolle o desenvolvemento do acto.

Esta película fará que quede sempre no seu recordo o acto de xustiza que se fixo coas súas familias e permitirá que familiares, amigos e futuras xeracións poidan ter presente o seu sufrimento, a súa dor e a de outras familias que tamén foron represaliadas durante o alzamento do 36 e tempo que veu.

O agasallo será entregado este xoves, ás 19.00 horas, na Casa da Luz, durante un acto no que tamén se descubrirá o mural elaborado en vivo por Kiko da Silva e o seu equipo durante a homenaxe do 30 de novembro. Neste espectacular traballo aparecen reflexados os nomes de mulleres e homes que sufriron a represión na súa propia pel, persoas que foron rapadas, encarceradas, torturadas, que sufriron vexacións varias, que foron fusiladas ou que mesmo foron asasinadas pero nunca se atopou o seu corpo.

O mural será instalado no vestíbulo do Concello de Pontevedra para continuar facendo memoria e honrar así a todas as veciñas e veciños que loitaron para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Comparte!!!

Relacionados