Cociñeiros con Estrela: Pepe Solla

Foto: Restaurante Casa Solla

Pepe Solla,  naceu en Poio (Pontevedra), en 1966. É un cociñeiro , membro fundador do grupo NOVE. É xefe de cociña e propietario do restaurante Casa Solla, cunha estrela Michelín e tres Soles Repsol .

Pepe Solla iniciou a súa carreira no mundo da restauración en 1991, cando comezou a traballar no restaurante Casa Solla, de xestión familiar. Inicialmente compaxinou o traballo de sala como sumiller cos seus estudos universitarios de Ciencias Empresariais.

O seu interese polo mundo do viño e a súa formación con cursos monográficos na Unión Española de Catadores, fan que en 1994 sexa un dos membros fundadores da Asociación Galega de Sumilleres. Durante varios anos participou en catas profesionais a nivel nacional, gañou o Campionato Galego de Sumilleres e alzouse co sexto posto no campionato nacional.

En 1995 comezou a súa formación de cociña, o que lle levou a converterse en axudante de cociña, función que compaxinou durante un tempo coa de xefe de sala. Tras realizar diversos cursos, por exemplo en Cala Montjoi, da man de Ferrán Adriá, en 1999 toma as rendas da cociña de Casa Solla e en 2001 asume a súa xerencia.

Desde entón imparte diversos cursos, clases maxistrais e demostracións de cociña. Ademais participa de forma constante en certames gastronómicos nacionais e internacionais, como Madrid Fusión. En 2010 representou a Galicia na Expo de Xangai.

En 2014 Pepe Solla monta, xunto con Paco Roncero e Marcos Morán, a sociedade Sinergias que, dentro de Platea Madrid, xestiona cinco espazos gastronómicos: La batea, A mordiscos, Castizo,  Entrecortes e De cuchara.

Na actualidade, presenta o programa “Pescados y Mariscos”,  no Canal Cocina, onde tamén presentou o programa “Tus Conservas”.

Casa Solla

Fundado en 1961 na localidade de Poio (Pontevedra), o restaurante Casa Solla ten de forma ininterrompida unha Estrela Michelín desde o ano 1980,  o que o sitúa entre os 8 restaurantes máis antigos de España e o decano de Galicia na Guía Michelín. Ademais, a Guía Repsol 2015 outorgoulle o tres Soles Repsol,  co que Casa Solla converteuse no primeiro restaurante galego en ter esta distinción.

Comparte!!!

Relacionados