Concerto Solidario, música para bebés e danza para todos, esta fin de semana. Ourense

O Auditorio Municipal vivirá unha intensa fin de semana con actividades dirixidas ao público máis novo da cidade e coa celebración do X Concerto Solidario que organiza a ONG Manos Unidas, este venres 1 ás 20:00 horas. A venda de entradas, a 5€, será destinada integramente a equipar un laboratorio médico nun centro de saúde da India, e contará coa participación da Real Banda da Deputación de Ourense, Emilio Rúa, e diferentes músicos e asociacións de danza da cidade. A organización dispón, tamén, unha fila cero para todos os interesados en colaborar coa causa.

  • Arrerrú, de Rilo & Penadique

Ata 4 anos. Venres 1, ás 18:00 e 19:00 horas. 35 min. 3 €.Gratuíto para bebés.

Arrerru é unha palabra que vive na boca, non quere dicir nada, pero o A abre o asombro, o RRE a repetición, e o RU a delicadeza. As palabras acompáñanse da musicalidade da voz, dos ollos, dos xestos, do tacto…os bebés tempéranse mellor con estes apoios, nós ao pé da voz poñemos a voz dun acordeón diatónico, a voz multiplicada e asombrosa. Somos bebés, somos adultos, somos persoas da man doutras persoas. A linguaxe en singular non existe: primeiro apréndese en familia. A narración oral é a flor da vida en compañía para afrontar a onda.

  • PI, de Otradanza

Danza. Todos os públicos. Domingo 3, ás 12 horas. Entradas 3 €.

Se observásemos cada elemento que nos rodea a través dun microscopio visualizariamos a simetría das súas formas, as cores nas súas ás, a repetición nas súas follas e descubririamos a perfecta arquitectura que produce a natureza.

Se todo o que vemos ante os nosos ollos puidésemos descifralo en códigos e diseccionalo chegando ao máis minúsculo detalle das cousas que nos rodean, chegariamos ao puro infinito e avistariamos PI, un espectáculo de danza para público infantil e familiar onde entramos nun mundo cheo de curiosos insectos que ao se relacionar desvelan agochados segredos.

PI é un espectáculo visual, onde o corpo e a súa expresividade nos transporta a un universo microscópico, fragmentado, onde o xeral se torna detalle.

As entradas para os espectáculos están á venda en www.ataquilla.com ou dúas horas antes da función no despacho de billetes do Auditorio.

Comparte!!!

Relacionados