Impulso ao proxecto e plan de usos do porto de Portonovo. Sanxenxo

O sábado reuníronse no Concello o patrón maior de Portonovo, o presidente do club náutico, o concelleiro de infraestruturas e o alcalde. O obxectivo da reunión foi impulsar a redacción do plan de Usos do porto de Portonovo.

Un documento imprescindible para acometer unha remodelación e unha mellora en profundidade no porto. Por tanto, tamén para poder desenvolver o proxecto de reforma previsto na zona portuaria de Portonovo, que o alcalde presentou á Conselleira de Mar e ao presidente de Portos en novembro. Posteriormente, presentouse a todos os colectivos da vila mariñeira en oito reunións mantidas na Casa de Don Fernando.

Os principais obxectivos do proxecto de mellora da zona portuaria:

  • Mellora das instalacións do porto pesqueiro.
  • Construír un parking subterráneo que corrixa a escaseza de prazas de aparcadoiro que ten Portonovo.
  • Ampliar as instalacións náuticas e deportivas.
  • Crear amplos espazos peonís que convertan á vila nun lugar máis atractivo e permítanlle desenvolver todo o potencial turístico e hostaleiro.

A tramitación e aprobación dun Plan de Usos require dun prazo nunca menor 9 meses, pois é un documento que establece o que se pode e o que non se pode facer no porto. Require, por tanto, o consenso de varias administracións, a súa aprobación inicial e posterior exposición pública, antes de poder aprobarse definitivamente.

 

Comparte!!!

Relacionados