Alexandre Bóveda: “Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galicia e pola República”

Foto: Wikipedia//  Placa en A Caeira, donde fusilaron a Bóveda

No ano 1942 e en Bos Aires, a Irmandade Galega que impulsaba Castelao e que substituiría ao Partido Galeguista, declarou o 17 de Agosto Día da Galiza Mártir.   Escolleuse como homenaxe para o político galeguista Alexandre Bóveda, asasinado nesa data do  ano 1936 na Caeira(Poio) e convertido en mártir pola defensa da liberdade e dos seus ideais.

Alexandre Bóveda Iglesias, ( Ourense, 1903 – Pontevedra 1936) , foi un dos intelectuais galeguistas máis relevantes da Segunda República española en Galiza, chegando a ser o motor do Partido Galeguista segundo palabras do propio Castelao.

Dende moi neno adicouse ó estudo do francés e da contabilidade. Estudou peritaxe mercantil na Escola de Comercio da Coruña por libre, ó mesmo tempo que impartía clases ós máis novos nun colexio de Ourense. Asiduo lector da Revista Nós pronto comezou a escribir en La Zarpa de Basilio Álvarez. Foi nas follas deste xornal onde se deu a coñecer como un gran comunicador.

Logo participou nunhas oposicións en Madrid a unha das dez prazas de xefe de Facenda do estado conseguindo o número un en 1924. Por este motivo José Calvo Sotelo ofrécelle un posto no seu Comité de Intervención de Cambios; porén Alexandre rexeitou a oferta e volveu a Galiza para traballar na delegación de facenda de Ourense. Tras aprobar outras oposicións marchou a Pontevedra a ocupar o posto de Xefe de Contabilidade con tan só 23 anos. Pronto tomou contacto co faladoiro que presidían Castelao e Losada Diéguez no Café Méndez Núñez e viuse envolto nas actividades dos dous galeguistas.

Bóveda en Vigo en 1935

A miña patria natural é Galicia. O amo fervorosamente, xamais a traizoaría, aínda que me concedesen séculos de vida. Adóroa máis aló da miña propia morte. Se entende o tribunal que por este amor entrañable debe serme aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis por ela.

Ámbolos dous introducírono na política e noutros campos, como a Coral Polifónica de Pontevedra, onde coñeceu a Amalia Álvarez Gallego (filla de Xerardo Álvarez Limeses), coa que casou o 20 de outubro de 1930no Mosteiro de San Xoán de Poio e coa que tivo cinco fillos.

En 1930 convértese no primeiro director da Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra. En 1928 e 1929 recibira unha bolsa da Deputación de Pontevedra para viaxar a Barcelona e Guipúscoa para estudar o funcionamento das Caixas de Aforros.

En 1932 participou na asemblea pro-estatuto que se celebrou en Santiago de Compostela e resultou elixido membro da comisión redactora. Tivo un papel moi activo na redacción do estatuto e na Asemblea de municipios que se creou para debatelo.

En 1933 foi elixido membro do Comité da Autonomía presidido por Bibiano Fernández Osorio Tafall, mentres que Enrique Rajoy, (avó de Mariano Rajoy) amigo íntimo de Bóveda, era o secretario do devandito comité. O 20 de outubro de 1934 publicouse unha orde ministerial impoñéndolle un destino administrativo forzoso na delegación de facenda de Cádiz. Retornou no outubro do ano 1935 a Galiza ó obter unha praza na delegación de facenda de Vigo.

Foto: Foto©Porgaliciabaixo// Acto de celebración do Dia da Galiza Mártir diante da estatua de Bóveda, en Pontevedra na Praza de Curros Enríquez

Xosé Sesto, tras a morte de Bóveda, apresurouse a colocar a bandeira galega baixo a súa chaqueta.

En 1936 participou na campaña electoral, á que acode como candidato da Fronte Popular pola provincia de Ourense mentres tomaba posesión dun cargo na delegación de facenda de Pontevedra.

Tralo Alzamento Nacional foi detido o 20 de xullo de 1936,  xunto co deputado socialista Amando Guiance, e é acusado de traizón e condenado a morte nun xuízo celebrado o 13 de agosto dese mesmo ano. A sentenza executouse o 17 de agosto na Caeira (Poio). Na madrugada antes do seu fusilamento escribiu varias cartas, a derradeira delas dicía así:

Madrugada de 1.936

Querido Vitín:
Non sei si fixen ben ou mal en procurar que me axudases con proveito. En calquera caso foi con desexo do teu ben.
Eu morro tranquilo; confío en que serei recibido donde todos queremos xuntarnos e fagoo con ledicia e confiando en Deus iste sacrificio. Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galicia e pola República e o trabucado xuicio dos homes (que eu perdoo e todos debedes perdoar) condéname.
Sé agora máis home que endexamais porque é cando máis o precisas, polos nosos vellos e polos nenos, de quen, sin que puidéramos esperalo, vas ser un pouco pai.
Confórtaos a todos e procura ser sempre bon. Non te arrepintas de canto ben teñas feito e podas ainda facer.
Vitinciño: Aos papás, a Vera, a Carlos, a Cesar, a todos, as miñas apertas.
Pra ti, irmanciño bon, a máis grande que poidas recibir de Alexandre. P.S. / Rezai por min que eu lembrarei-vos sempre e (se podo, como espero) intercederei por vós. -ás 5 e 1/4

No devandito xuízo, manifestou o seu desexo de ser enterrado baixo a bandeira galega con estas palabras:

“A miña patria natural é Galicia. O amo fervorosamente, xamais a traizoaría, aínda que me concedesen séculos de vida. Adóroa máis aló da miña propia morte. Se entende o tribunal que por este amor entrañable debe serme aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis por ela. Fixen canto puiden por Galicia e faría máis se puidese. Se non podo até me gustaría morrer pola miña patria. Baixo a súa bandeira desexo ser enterrado, se o tribunal xulga que debo selo.”
Xosé Sesto, tras a morte de Bóveda, apresurouse a colocar a bandeira galega baixo a súa chaqueta.

Está enterrado no camposanto de San Amaro en Pontevedra.

Foto: Foto©Porgaliciabaixo //Monumento a Bóveda en Ourense, enfronte a súa casa natal

Foto: Foto©Porgaliciabaixo //Ofrenda floral no monumento de Bóveda no aniversario do seu nacemento, que se conmemora en Ourense todos os anos

Fonte: Wikipedia

 

Comparte!!!

Relacionados