Obxectivo: recuperar “canto antes” as Termas da Chavasqueira. Ourense

“A situación é complicada pero imos traballar entre todos para volver a recuperar isto e máis”, asegurou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, tras visitar xunto co presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar, as Termas da Chavasqueira logo do incendio. O alcalde anunciou a creación dun grupo de traballo para sumar esforzos entre as diferentes administracións para recuperar canto antes o servizo.

“É un día terrible para a cidade, unha desgracia”, asegurou Vázquez Abad, quen incidiu en que “agora nos toca a todos traballar en conxunto, sumar e que entre todos unidos sexamos capaces de recuperar un dos emblemas da nosa cidade coñecido dentro e fóra de Galicia”.

O alcalde agradeceu o traballo realizado por técnicos, bombeiros, policía local, Policía Nacional, Protección Civil, así como a colaboración de Deputación Provincial e Xunta de Galicia, que desde primeira hora da mañá, a través dos seus presidentes, se interesaron pola situación e ofreceron o seu apoio ao Concello e expresaron “o seu interese en traballar para poder recuperar canto antes esa icona da Capital Termal de Galicia e inicio do desenvolvemento do plan termal.

O alcalde convocou xunta de portavoces para informar os grupos políticos da situación de primeira man. Tamén contactará coa concesionaria e coa Confederación Hidrográfica para constituír un grupo de traballo e ver “que posibilidades temos para retomar o servizo canto antes e recuperar a contorna”.

 

Comparte!!!

Relacionados