Alcalde e reitor analizan as necesidades do campus da Xunqueira . Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá ao reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa no marco dunha visita institucional e de traballo que o responsable da institución académica realizou ao Concello. Á reunión tamén se sumaron a concelleira de Universidade, Gloria Blanco, e do vicerreitor, Jorge Soto.

No encontro abordaron diversos temas relativos ao campus universitario e á cidade como a necesidade de novos espazos ante a intención do Reitorado de solicitar novos graos para o campus local. De aí que analizasen as posibilidades edificatorias dos terreos que a universidade ten na cidade.

Durante a reunión Manuel Reigosa confirmou ao alcalde a aposta do Reitorado polo novo grao de Deseño e creación, así como polo desenvolvemento do Green Campus (o de Pontevedra é o único do Estado) para o que a Universidade solicita a colaboración do Concello que poderá participar en decisións como aminorar o ruído na avenida de Compostela.

Reitor e vicerreitor solicitaron unha mellor sinalización do campus así como a posibilidade de abrir o campus ao río Lérez, empregando a canle da Illa do Cobo para instalar un pantalán que poida empregarse para os deportes náuticos.

Na súa primeira reunión co reitor da Universidade de Vigo, a concelleira Gloria Blanco asegurou que o encontro foi “moi produtivo” e confirmou que este primeiro contacto continuará nos vindeiros meses con máis reunións bilaterais

Comparte!!!

Relacionados