O Concello de Allariz xunto co Instituto de Ciencias Sexolóxicas (INCISEX) de Madrid, enmarcado nun convenio de colaboración, impartirá obradoiros a distintos colectivos de Allariz como a Escola de Familias ou a auxiliares do servizo de axuda a domicilio, coa finalidade de aportar coñecemento sexolóxico que aporte intervencións comprensivas coa diversidade.
As primeiras en participar serán as Doulas Sororas que este venres, de 16:00h a 18:00h, participarán nunha actividade que aportará coñecemento “ para que podan acompañar dende a calma en diferentes situacións e fomenten, así , a convivencia”., explica Ana Cardoso, a técnica de Igualdade.
Incisex continúa, ademais, impartindo o curso de monitor/a de educación sexual no que participan, dende o seu inicio no mes de febreiro, 23 persoas. Almudena Herranz, sexóloga e membro da equipa docente de Incisex destaca o “alto grado de participación e sobre todo de motivación do alumnado de Allariz”.
Mulleres compartindo!
O proxecto Mulleres Compartindo! continúa a súa andadura polo rural de Allariz coa fin de apoiar a dinamización e o achegamento de actividades que aporten ao desenvolvemento das mulleres e homes que viven nel.
Desta vez o proxecto trasládase ata Valverde e o Mato. Nos vindeiros dous meses durante dúas horas semanais (luns e martes de abril e maio) , as veciñas e veciños participarán en distintas actividades que van dende o exercicio físico, o desenvolvemento cognitivo e a creatividade ou o coñecemento das persoas e a súa forma de relacionarse.
Ana Cardoso, quen dirixe este proxecto, conta que “outro dos obxectivos desta programación é o fomento da comunicación directa entre a vila e o rural de forma que estes intercambios sexan unha riqueza para os veciños e veciñas”.