Últimos días para presentarse aos premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo. Bueu

O Concello de Bueu afronta xa a recta final do prazo de presentación dos traballos para os Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo, cuxa data límite é o 31 deste mes.  

As persoas que desexen participar poderán facelo a través de dúas formas: ou mediante o envío do traballo en papel ou en formato dixital, tal e como se establece nas bases publicadas no taboleiro de anuncios da Sede Electrónica e na páxina web do Concello de Bueu.  Estes premios, que naceron como unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués Johán Carballeira, contarán cunha dotación económica de 1500 € para ambas categorías amais da publicación no caso do de poesía, tal e como vén sendo habitual, por parte da Editorial Xerais.

Na pasada edición, as persoas gañadoras foron Daniel Asorey co poemario Transmatria, e Moncho Iglesias Míguez, coa reportaxe Corea do Norte: a vida dese outro lado, na categoría de xornalismo.

Con moita historia

O certame Johán Carballeira celebra este ano a vixésimo segunda edición na categoría de poesía e a décimo sexta na de xornalismo. Cunha gran historia ás súas costas, ao longo deste tempo ten galardoado na categoría de xornalismo a persoas como Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás ou a Antón Lopo, entre outros; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Marta Dacosta, Lucía Novas, Pura Tejelo, María Reimóndez…

Comparte!!!

Relacionados